Máis de cincuenta actividades fomentarán o uso do galego e difundirán a figura de Alvárez Blázquez
08 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Música, teatro, arte mural, cinema, obradoiros, festivais, exposicións, carreiras, roteiros... Máis de cincuenta actividades enchen a programación do Concello de Pontevedra e entidades colaboradoras para este mes da lingua que acaba de arrancar.
O obxectivo é dobre. Por unha banda trátase de fomentar o uso da lingua galega e, por outra, dar a coñecer a figura e a completísima obra do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Xosé María Álvarez Blázquez, que marcou unha época no galeguismo xunto a outros intelectuais e, ademáis, ten unha profunda relación familiar con esta cidade.
O 17 de maio marca o centro da programación, presentada onte pola concelleira Anxos Riveiro. Para ese día está previsto o acto popular de homenaxe a Álvarez Blázquez na praza de Curros Enríquez, diante da alfombra floral que confeccionará a asociaciación sociocultural O Burgo, con recital poético e actuación coral incluida. A xornada completarase coa elaboración dun gran mural sobre o escritor na praza de Ourense, a Festa da Lingua na praza da Verdura, baile tradicional na Xunqueira e en Ponte Sampaio, concerto da banda de música de Salcedo no Teatro Principal e recital de Huun huur tu nas Ruínas de Santo Domingo.
Pero, antes e despois desa data, o mes da lingua está cheo de actos lúdicos e culturais. Hoxe mesmo, no Café Moderno de Caixa Galicia celébrase un maratón de cine dixital organizado por Cine Clube Pontevedra. E para este fin de semana está anunciado teatro infantil de monicreques en Monte Porreiro, xogos tradicionais, contacontes e obradoiros varios.
A próxima semana terá lugar a carreira escolar pola lingua nas rúas de Pontevedra e a presentación do caderno activo O decálogo que a lingua galega precisa, coa autora Pilar García Negro.
O programa inclúe tamén diversas conferencias de Carlos Bernárdez, Darío Xohán Cabana e Ana Acuña Trabazo, entre outros, que farán unha aproximación á obra e a personalidade de Xosé María Álvarez Blázquez.
O cinema galego estará moi presente neste mes da lingua con proxeccións de curtometraxes no Principal, sede tamén da Mostra de Teatro Ben Veñas Maio.