A cabeceira sur do Burgo é para os arqueólogos o quilómetro cero da historia da cidade, sempre en relación cunha ponte, primeiro o da época romana e logo da medieval.
-¿Confirmouse algún indicio da ponte romana?
-Apareceron uns pivotes de madeira nun nivel romano que aínda se están a estudar. É un indicio que non da para dicir que formaban parte da ponte, pero digamos que esa maneira de construír era característica de sistemas de cimentación de pontes ou tamén de peiraos. É un segmento moi pequeno que vai dar para facer unha hipótese relativamente afinada, pero nunca concluínte.
-¿Cal é a recomendación dos arqueólogos cara a facer un museo do xacemento?
-O primeiro é que merece a pena deixar iso á vista e expolo polos seus valores históricos, simbólicos e didácticos e polo interese que ten para os pontevedreses e para o turismo. O segundo é que para expoñelo hai que cubrilo cunha estrutura que permita entrar dentro e apreciar os restos, porque hai un problema serio coas filtracións de auga. O terceiro é utilizar os recursos museísticos máis diversos para expolos. E, finalmente, a aposta máis importante é que iso sirva de base para a creación dun museo dos dous mil anos da historia da cidade.
-¿A aposta do goberno local por este museo e igual o máis forte co traspaso desta competencia ao PSOE?
-Afortunadamente, a aposta segue a ser igual de forte, con ese punto novo de facer un museo da historia da cidade, xa veremos se alí mesmo o noutro local. Pero, en todo caso, hai coincidencia entre os dous grupos do goberno de aproveitar esta oportunidade para que Pontevedra se equipe con ese elemento tan importante e que logo entre nos circuítos deste tipo de museos.
-De cara ao futuro, ¿cal sería a zona de máis interese por escavar?
-Desde Santa María e Isabel?II cara ao río, o entorno do parador e toda esa ladeira, onde presumiblemente podería haber restos romanos.