Un total de dazasete agrupacións musicais de toda a provincia participarán o vindeiro mes de outubro, concretamente os días 5, 6 e 7, no Certame de Bandas da Deputación, dotado con importantes premios en metálico.
Tres agrupacións musicais son de Pontevedra, dúas do Salnés e outras dúas da comarca de Caldas.
O certame está dividido en varias seccións, segundo o número de compoñentes de cada banda.
Na sección especial, para agrupacións que teñen entre 80 e 115 músicos, tocará a Banda de Música Municipal de Silleda, que deberá interpretar Na picoña, de Luis Carro.
Na sección primeira -de 60 a 80 compoñentes-, competirán a Banda de Música de Salcedo, a Xuvenil de Barro, Escola de Música de Beade de Vigo e Unión Musical de Meaño. Nesta categoría, a peza obrigada que deben tocar é Rapsodia en azul e branco, de Fernando Vázquez.
Na sección segunda -de 45 a 60 músicos- tocarán a Banda de Música Xuvenil de Xinzo de Ponteareas, a Municipal de Rubiós de As Neves, Sociedade Cultural Atlántida de Matamá de Vigo, Xuvenil de Torroso de Mos, Agrupación Músico Cultural de Ribadumia e a Banda de Música Municipal de Valga. Neste caso, deberán interpretar Soños, de Pablo Beltrán.
E na sección terceira -de 35 a 45 compoñentes- participarán o Ateneo Musical de Bembrive de Vigo, Unión Musical de Cabral de Vigo, Banda de Música de Soutullo de Ponteareas, Unión Cultural de Campo Lameiro, Banda Municipal de Caldas e Banda da Escola de Música de Candeán de Vigo. A obra obrigrada neste apartado será Gaudila, de Andrés Álvarez.
Todas as agrupacións recibirán unha achega enconómica en concepto de participación que é de 3.600 euros no caso da sección especial, 3.000 na primeira; 2.400 na segunda; e 1.800 euros na sección terceira. Ademais, as bandas gañadoras recibirán 5.700, 4.800, 3.900 e 3.000 euros, segundo as categorías, cartos que aporta a Fundación Caixa Galicia. A Deputación premiará aos directores a través do galardón Manuel Quiroga, dotado con 600 euros para a sección especial, e 500, 400 e 300 para as tres restantes.
Por outra banda, Musical Pontevedra concederá cheques por valor instrumental ás bandas que obteñan a mención de honra, cunhas cuantías de 1.500 euros, 1.200, 1.050 e 900 euros.
E a Federación Galega de Bandas de Música Populares recoñecerá o traballo realizado na interpretación das obras con premios de 600, 500, 400 e 300 euros, respectivamente, nas distintas categorías.