Unha cea con moita maxia

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Pedro Volta é a estrela invitada no encontro de mañá a beneficio da asociación Afapo

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O mago pontevedrés Pedro Volta actuará mañá pola noite na anual cena benéfica a favor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias, Afapo, que terá lugar no parque de verán do Liceo Casino, a partir das 21.30 horas.

O artista aceptou colaborar de forma totalmente gratuíta con esta asociación que mantén durante todo o ano un centro terapéutico para enfermos e familiares. Precisamente o diñeiro recadado nesta cena é para sufragar o costo de alugamento do local que ten na rúa Luis Seoane, 1, pois as subvencións e axudas con que contan non poden destinarse a ese fin. Así o indicou a súa presidenta, María José Magdaleno, que engadiu que a cena e a lotería de Navidade serven para pagar ese aluguer.

Ademais do mago pontevedrés, tamén haberá unha exhibición de baile de salón a cargo da escola Pasos, habitual colaboradora nesta cita benéfica. E para completar a velada, trala cea haberá unha tómbola con moitos agasallos cedidos por distintas empresas e entidades privadas.

O prezo do cuberto é de 25 euros e Afapo dispón tamén de fila cero depositada en Caixanova, para aquelas persoas que non poidan asistir a cena e queiran colaborar.

Os interesados poden recoller as invitacións nas oficinas de Afapo, na rúa Luis Seoane, 1, baixo, de 10 a 14 horas, a través do teléfono 986 842 141 ou nas oficinas do Liceo Casino, na rúa Manuel Quiroga.

Trátase da terceira edición desta cena, e tres son tamén os anos que leva en funcionamento Afapo, que ten case que 200 asociados, de Pontevedra, Marín, Cambados, Vilagarcía e Vilanova, entre outros concellos.

María José Magdaleno subliña que o centro terapéutico do que dispoñen, inaugurado en maio do pasado ano, está totalmente desbordado. «Sólo podemos atender a 24 personas -afirma- porque no tenemos más capacidad». Contan con voluntarios da asociación e tamén cun traballador social, unha psicóloga e unha terapeuta. E tres veces por semana acude un musicoterapeuta. Durante todo o ano, en horario de mañá e tarde, veñen funcionando uns obradoiros en dous niveis, según o avance da enfermidade, leve e moderado, con actividades de estimulación cognitiva, musicoterapia ou manualidades, todo enfocado de cara a reforzar a memoria. E tamén funciona un grupo de autoaxuda para familiares dos enfermos.

E outro servizo que ofertan é axuda a domicilio, para xente que xa non se pode mover pero coa que é necesario traballar a nivel de estimulación cognitiva.

Magdaleno, que está en conversas cos rexedores de Vilagarcía para ver a posibilidade de contar cun local e desprazar un día a semana aos especialistas para atender aos enfermos desa comarca, pide «a gritos» un centro público de día en Pontevedra para estes enfermos de alzhéimer e outras demencias. Un local xa comprometido pola Xunta pero que non acaba de chegar.