Os farmacéuticos controlan os parámetros de risco

La Voz CH. L. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Saúde | Remata o programa «Bótalle ansia» Quince colexiados medirán hoxe gratuítamente a tensión arterial, o colesterol, a glucosa e o peso das persoas que acodan ata as carpas instaladas na Alameda

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A Concellería de Salubridade e Consumo e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra colaboran na xornada denominada Suma saúde programada como remate do programa Bótalle ansia, que ao longo dos dous últimos meses propuso distintas actividades físicas, como sendeirismo, ioga, bailoterapia ou tai chi, e tamén xogos para fomentar unha vida sa e activa tanto entre nenos como entre maiores. Durante todo este día, na Alameda de Pontevedra estarán instaladas cinco carpas nas que quince farmacéuticos controlarán os parámetros de risco para a saúde e tratarán de inculcar hábitos saudables, con consellos e información sobre a utilización dos medicamentos ou o necesario uso de protección solar agora que chega o verán para previr enfirmidades, neste caso o cancro de pel. Calquera persoa que se acerque ata a Alameda, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, poderá saber a súa tensión arterial, o colesterol a glucosa e o seu índice de masa corporal, principais indicadores do estado de saúde. En caso de que nalgunha proba se atopase unha desviación do aconsellable, os farmacéuticos remitirano ao médico. Ademáis, tamén poderá participar en outras das actividades organizadas para pechar este programa, como xogos tradicionais para todas as idades -oetabca, tiro a chave e birlos entre outros- ou bailoterapia. Os máis cativos tamén terán unha serie de obradoiros para eles. Balance A concelleira Nieves Cuéllar mostrouse satisfeita coa participación nas actividades que se desenvolveron neste programa. Un promedio de 55 persoas adultas sumáronse as andainas naturais e culturais por paraxes do noso entorno, como o río dos Gafos, as Xunqueiras de Alba, Cabo Udra o as parroquias de Salcedo, Tomeza e Lérez. A andaina final en barco pola enseada do Umia contou con 90 persoas. As actividades na Alameda tamén lograron concitar interés. Así, unhas cen persoas acudiron de media ás sesións de xogos tradicionais. Tamén os obradoiros de natureza As árbores, veciños de verde, levaron aos nenos de 7 a 12 anos a coñecer a cidade a través das súas árbores e plantas.