Música | Lírica en familia Un Mozart neno de 12 anos compuxo «Bastián e Bastiana», a obra que Bengala Produccións adaptou ao galego e que se escenifica hoxe no Teatro Principal
14 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Coa intención de recuperar ao público dos espectáculos opéristicos desde a infancia, a compañía Bengala Produccións presenta Bastián e Bastiana, unha obra pensada para nenos de 6 a 106 anos, como subliñou o seu voceiro, Xosé Manuel Rabón, quen destacou que os adultos tamén a disfrutan. Esta compañía quere montar en tres anos outros tantos espectáculos líricos adaptados aos nenos. A ópera de Mozart, que compuxo cando só tiña 12 anos, é a primeira e xa a teñen visto unhas 5.000 persoas de distintas localidades galegas. Hoxe preséntase no Teatro Principal, ás 18.30 horas, para continuar logo por outras nove localidades ata o 2 de xuño, entre elas Vilagarcía, onde se representará o 12 de maio, e Cangas, o 13 do mesmo mes. Tamén escenificarase en Portugal. Este mesmo ano, Bengala Produccións estreará unha ópera de Stravinsky, Historia dun soldado tamén conformada estéticamente para os nenos. Auspiciada pola Consellería de Cultura que a incluíu nos seus circuitos culturais en familia, Bastián e Bastiana tenta achegar a ópera ao público infantil. Para elo, a parella de adolescentes protagonista da historia verquida dunha peza de Jacques Rousseau chamada O diaño da vila, múdase nunha pola e un galo mozo, e o castelo orixinal, nun galiñeiro que é onde se desenvolve a trama. Bastiana é a poliña máis bonitiña e Bastián, un polo novo moi fachendoso que anda a cacarexar con calquera galiña. Bastiana acode a Colas, o galo vello, sabio e mago, que intercederá coa súa maxia para que Bastián volva a namorarse dela. A obra represéntase totalmente en galego, tanto a parte falada como a cantada. Neste sentido, Xosé Manuel Rabón destacou que o galego aseméllase bastante ao italiano, polo que a traducción non presenta maior dificultade, e os cantantes, que tamén son galegos, non tiveron ningún tipo de problemas para abordala. O tenor Diego Neira, a soprano Gloria Amil Romero e o barítono Luis Martínez protagonizan esta obra que conta con música en directo, a cargo da Orquestra Sinfonieta de Vigo, dirixida por Joam Trillo. Por certo, os quince músicos, integrados debaixo do galiñeiro, están vestidos de negro e teñen na testa crestas de galo. O vestiario, os traxes de galos e de galiñas, e tamén moi chamativo o que contribúe a captar a atención dos cativos. As entradas para este espectáculo innovador que ten unha hora de duración, custan 2 euros e poranse a venda unha hora antes do inicio da función.