Praza da Ferrería
01 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Uns corenta rapaces estudantes de galego de centros de primaria e secundaria da comarca leonesa do Bierzo están de intercambio escolar con compañeiros dos colexios de Pontevedra. Chegaron onte e alóxanse no Albergue de Peregrinos e hoxe serán recibidos pola concelleira de cultura, María Xesús López Escudeiro. A visita concluirá esta mesma tarde, e durante os dous días do intercambio, comparten experiencias e comida con alumnos do CEP A Xunqueira II e IES Torrente Ballester e A Xunqueira I. O obxectivo central do intercambio artíllase arredor da lingua galega. A pesar do pouco tempo da estancia, os estudantes bercianos visitaron, entre outro lugares, o Centro de Interpretación da Natureza Siradella e o areal da Lanzada. Hoxe percorrerán Pontevedra antes da súa partida. Plantación de árbores Deixamos a lingua e pasámonos agora ás árbores autóctonas. Uns 180 escolares dos cinco centros de educación primaria de Lourido, Viñas, Espedregada, Chancelas e Isidora Riestra, e alumnos de ESO do IES Fontenla participaron onte na plantación de bidueiros, carballos, freixos e nogueiras no monte Castrove, como anticipo á celebración do Día Forestal Mundial, que terá lugar o 21 de marzo. Encrucillada Seguimos co estudantes, inda que neste caso son os de segundo de Bacharelato, que se atopan na encrucillada de decidir o seu futuro universitario. Para axudalos nesa difícil decisión o colexio Los Sauces está levando a cabo as xa tradicionais xornadas de orientación universitaria, abertas a todos os estudantes dos distintos centros da cidade. Dende o pasado luns, representantes de diversas universidades galegas e do resto do Estado, así como de ciclos formativos, explicaron as carreiras que se poden estudar nos seus respectivos centros. As xornadas que rematan hoxe, estanse a levar a cabo na Residencia de Estudantes de Caixanova.