A primeira imaxe do entroido

La Voz

PONTEVEDRA

Praza da Ferrería O Alto dos Xenerais de Merza anticipou a festa que comezará o día 16 na Ferrería. Onte, a praza foi escenario da vistosa exhibición dos protagonistas da cita anual en Vila de Cruces

03 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O ano pasado, na primeira vez que desfilaron na cidade do Lérez, alguén preguntoulle aos Xenerais por que estaban protestando. Seguro que despois de onte, os pontevedreses coñecen mellor esta tradición do entroido de Merza, no concello de Vila de Cruces, que é unha herdanza das guerras civís e o militarismo do século XIX. Na mascarada que os Xenerais representan contra o invasor -que se chama Alto e que onte se representou na Ferrería tras un desfile desde a praza de touros-, participan distintos personaxes, como o abandeirado, o sentinela, correo, xenerais, escribán e frade, así como o vello dos cornos (que dito sexa de paso, deu algún desgusto infantil). Nalgúns casos, os uniformes destes membros do Exército do Ulla poden chegar a custar seis mil euros. Pero non crean que porque leven traxes antigos, estes militares non están ao día. Onte por exemplo, na súa entrada á praza, puideron saber que as aldeas do rural cada vez teñen menos habitantes e que os maiores están «encantados» coa suba das pagas comprometida polo presidente galego, Emilio Pérez Touriño. No que respecta ao entroido pontevedrés, hai que recordar que comezará o vindeiro día 16 precisamente cunha gran festa na Ferrería, despois do pregón. De festa están este fin de semana en Salcedo e Seixo (Marín), para honrar a San Blas. Mentres na parroquia pontevedresa hoxe haberá unha degustación de polbo, no lugar marinense de Aguete, en Seixo, as portas do pazo de San Blas estiveron abertas para a celebración da festa que congrega tódolos anos a centos de persoas na capela do patio interior do conxunto histórico. As celebracións estiveron marcadas, como cada ano, por unha tradición que alomenos debe datar do século dezaoito, cando se construíu a capela do santo no pazo dos Gago de Mendoza. Durante toda a mañá, oficiáronse misas rezadas, seguidas polo servizo solemne que tivo lugar á última hora da mañá. Os fieis abarrotaron o pequeno templo e tamén o patio, e ao termo da misa sacaron en procesión a imaxe do san Blas ata a gasolineira. En San Blas de Aguete, a atención dos fieis divídese entre os que seguen sen interrupcións o desenvolvemento do oficio relixioso e os que aproveitan a ocasión para tentar atraer a boa sorte no 2007 co costume dos trucos. A tradición católica do lugar relaciona a san Blas con supostos poderes milagreiros para combater os problemas de gorxa e da cabeza. Por estas razóns, os devotos pásanse polos dous lados do pescozo e tamén na testa unha imaxe pequena que reproduce ao santo. Esta tradición recibe o nome de dar os trucos e ten sobrevivido ao paso do tempo e a evolución das mentalidades. De feito, son moitos os veciños que acoden á capela coa convicción ou o desexo de que neste ano poidan disfrutar dunha boa saúde. A festividade do 3 de febreiro tamén supón una oportunidade única no ano para que os veciños poidan coñecer o interior do pazo de Aguete.