Renovarse para servir (mellor)

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Reportaxe | Seminario de reciclaxe das actuacións policiais Máis dunha treintena de axentes locais de doce concellos da provincia concluiron onte en Pontevedra un curso no que actualizaron as súas técnicas de intervención policial

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

«A policía debe adaptarse aos novos tempos e adecuarse ao que a sociedade demanda en materia de seguridade». Con estas palabras, o instrutor do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia explicou o trasfondo do curso que concluíu onte en Pontevedra e no que participaron 35 axentes municipais dunha docena de concellos da provincia. Ao longo de sete días, os funcionarios municipais actualizaron as súas técnicas de intervención policial. «É un curso meramente práctico que incide en cuestións de actualidade e que poden atoparse os axentes no seu traballo diario». Deste xeito, os policías recicláronse en todo o relativo a actuacións referidas ao arresto de individuos potencialmente perigosos ou á detención de vehículos sospeitosos, sen esquecer o protocolo que os funcionarios deben seguir á hora de entrar en locais e vivendas violentadas. Se esquecer cuestión de fondo calado social, como poden ser as intervencións que teñan lugar en zonas de movida ou de botellón, así como en manifestacións e concentracións de protesta. Pola súa parte, o portavoz da Xefatura de Pontevedra resaltou que, en ocasións, a actualidade marca a evolución dos contidos deste tipo de cursos, que son froito dun convenio entre a Deputación e o Centro de Estudos Xudiciais. Neste sento, precisou que os participantes tamén recibiron nocións en cal debe ser a súa actitude en plenos conflitivos, «como foi o recente caso de Nigrán», ou cando se trata de dar protección ás autoridades civís. A meta que se quere acadar é, segundo precisou o instrutor deste curso, garantir tanto a seguridade dos axentes intervintes como a da poboación civil, ao tempo que se trata de lograr que os danos derivados desas actuacións dos policías teñan as menores repercusións posibles. É de reseñar que moitos dos asistentes ao curso de Actualización na operativa da intervención policial o fixeron aproveitando o seu tempo de lecer, de xeito que a seguridade na rúa non se viu mermada en ningún intre.