Un espectáculo recorda as lendas e cantos do Camiño

La Voz LA VOZ | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

En dous minutos | Folclore e tradición Promover e conservar a ruta xacobea portuguesa é o obxectivo desta obra interpretada por Malvela e ilustrada polo actor e contacontos Avelino González

13 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Os cantos, contos e lendas do Camiño Portugués son o fío conductor do espectáculo que Malvela porá en escea mañá no Teatro Principal, nunha representación que comezará ás oito do serán e que será gratuita. Cantos e contos do Camiño, según explicaron onte os seus promotores, é unha obra que ten como obxectivo a preservación e difusión desta ruta xacobea, «crucial para entender a historia das peregrinacións cara Compostela», así como ofrecer o folclor tradicional dos pobos polos que pasa o Camiño Portugués. O espectáculo preséntase nunha secuencia que procura diluír as fronteiras xeográficas, temporais e culturais, «demostrando que é unha única orixe común con variantes a que enriquece este legado cultural e desenvolve unha viaxe lúdico-musical polos pobos que atravesa o Camiño». O actor e contacontos Avelino González colaborou tamén nesta obra elaborando os textos que relatan as incidencias dos peregrinos e fiando os seus contos coa música e alegría dos cantos das integrantes do grupo Malvela. A agrupación, formada por mulleres de distintas xeracións, adícase a rescatar os cantos vellos da súa comarca, a de Mos, así como a arquivar todo o patrimonio musical e etnográfico desta zona da provincia. A dirección artística do espectáculo correu a cargo de González e mais a cantante Uxía Senlle.