En dous minutos | Danza
05 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O prestixioso ballet de Víctor Ullate presenta hoxe en Pontevedra o seu espectáculo O Sur, unha historia de amor e de entrega entre un home e unha muller, pero tamén de medos, queixumes e odios. Dirixido por Mario Gas, conta coa música de Enrique e Estrella Morientes e unhas coreografías nas que os bailaríns interpretan diferentes estilos entre o clásico puro e o contemporáneo, centrándose esta vez na danza flamenca. O Sur é a vida dunha muller e un home unidos baixo a alianza eterna, e de como esa unión se deteriora ata alcanzar un agonizante estado de infelicidade. Coa ruptura desa alianza tamén se representa o nacer dunha muller, a recuperación da súa propia vida e da súa felicidade, aínda que con outro home. A bailarina Ana Noya da vida á protagonista, que maltratada polo seu marido, busca o amor noutro home. Víctor Ullate, bailarín e coreógrafo zaragozano, iniciou a súa carreira profesional con Antonio Ruiz Soler. Logo incorpórase ao Ballet do Século XX baixo a dirección de Maurice Béjart, compañía na que permanece 14 anos. Máis tarde, formou a primeira compañía de ballet clásico do país, que dirixiu durante catro anos. Fundou o seu ballet en 1988 con bailaríns da súa propia escola. Actualmente é recoñecido internacionalmente polo virtuosismo e rigor técnico dos seus bailaríns. O Sur preséntase hoxe no Centro Social Caixanova, ás 21 horas. Onte quedaban menos de corenta entradas, que teñen un precio de 15 e 18 euros.