A vida nun intre

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

10 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTES DÍAS fríos, pero soleados, invitan a disfrutar deses pequenos luxos que fan que a vida mereza a pena. Nun deses intres, saboreando un café nunha terraza mentres a frescura do aire facía cóxegas no nariz, todo estivo a punto de estropearse coa maior das desgracias. Ás veces é difícil comprender por que acontecen as cousas, sobre todo as penurias. Por iso o segredo está en aproveitar os momentos felices, por pequenos que sexan, e celebralos con entusiasmo, aínda que sen excesos. O motivo da celebración non era pouco. Un neno pequeno, non maior de tres anos, acababa de salvar a vida. Os impulsos que fan correr aos cativos son algo impredecible, e tivo que ser o mesmo que o fixo andar o que o obrigou a parar xusto antes de que unha furgoneta lle pasara por encima do corpo. É curioso como en circunstancias como esa todo parece suceder en cámara lenta, os músculos vólvense de chumbo e resulta imposible reaccionar. Pasou cunha ducia de persoas que presenciaban a traxectoria do pequeno sen que ninguén acertara a botar a correr na mesma dirección ou berrara para indicarlle ao conductor que freara. Pero o neno parou, deu media volta e o coche seguiu a súa traxectoria. Só entón, toda a tensión que mantiña aos espectadores imovilizados descargouse en mil reaccións. O pai correu cara o coche increpando ao conductor, este parou, outro señor colleu ao neno en brazos e os comentarios comenzaron a sair dos corros de xente que mirara estática toda a escea. Pero o verdadeiramente curioso é que, pasados só uns segundos e normalizada a situación, ninguén parecía consciente da trascendencia dos segundos que acabaran de transcurrir, nos que se xogou unha vida enteira por vivir. A relaxación deu paso logo á indiferencia. Sen que alí se celebrara ter sido participes dun luxo enorme: o de presenciar un milagre.