NA ÚLTIMA | O |

10 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

AOS TRINTA anos está descubrindo o pracer de ler a Biblia sen a paixón radical e coa tarnquilidade de quen non cre. E atopou alí unha historia moi fermosa, dun progresismo esaxerado para a época e que non pode ser entendido desde o dogma, sengundo di. Reflexionou moito sobre como debía ser o mundo nos tempos de Xesús, donde a brutalidade ou a vinganza eran moeda correte. Apareceu alí un home que fala de solidariedade e xustiza, de perdón e de paz. Despois a historia é coñecida. O uso do relato, a interpretación estricta da narración e mesmo a elevación á categoría de lei dos textos. Agora que anda o panorama revolto pola cuestión da educación, nesta redacción hai, como en todas as casas, conversacións sobre o particular, discusións e tamén espazo para a nostalxia e os recordos. Hai ex alumnos de colexios relixiosos furibundos detractores daquel ensino e tamén pais non crentes con fillos en colexios controlados por curas. Logo están os que queren que a educación pública sexa laica e os que, por esa mesma natureza pública, consideran que tamén debe ser relixiosa. E estamos tamén algúns ex alumnos de colexios que fixeron de nós un experimento. Un que me iguala en idade foi dos primeiros coma eu que estrenaron as clases de ética cando os profesores aínda non sabían que contidos ía ter. O primeiro ano tivemos sorte. Á hora de relixión, aos dous rapaces que preferimos non ir á clase do cura deixábanos sair ao patio. Moitos nenos debian ver aquelo con certa envexa, e o profesor de relixión debeu percibir nos ollos dos seus alumnos demasiadas gañas de cambiar ao ano seguinte de opción, así que moveuse como puido e ao curso seguinte a ética converteuse noutra cousa. Xa eramos cinco, así que formaron con nós un equipo para forrar todos os libros da biblioteca do colexio.