Temas

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

12 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PODE parecerlles o lamento de alguén con pouco que facer, pero hai tardes nas que me angustia un mundo escribir as sesenta e dúas liñas -sesenta e tres, contando o enderezo electrónico- que ten esta columna. Un dá para o que dá, e en ocasións non se lle ocorre demasiada cousa que contar. Afortunadamente -é un dicir-, sempre conto coa colaboración desinteresada dos meus adorados compañeiros de oficina, dos amigos e da familia. Onte, por exemplo, recibín todo tipo de suxerencias, todas do máis interesante e sisudo, e só lamento non ter estado á altura. Por exemplo, alguén me suxeriu que falase de Spinal Tap, a banda pantasma que protagoniza a última película que me fixo rir a cachón; o filme conta a última xira americana do «grupo máis ruidoso de Gran Bretaña», unha recua de tipos que levan moita maquillaxe, utilizan amplificadores que chegan ao once e fan cancións tan sexistas coma choqueiras. Pero non sei, non me atopaba eu con corpo para o asunto. Houbo propostas aínda máis fondas: o Estatut catalán, por exemplo. Desde que apareceu o tema na prensa, sempre quixen escribir algo sobre un texto que vai facer que a historia de Occidente se divida en dous, ou iso din. Non hai columnista que se prece que non teña dito algo sobre o particular, mais, por desgraza, a min fáltanme claves; o problema, polo visto, é tan gordo que é normal que a maior parte do planeta non se entere de que vai. Total, xa temos unha pléiade de administradores para crearnos problemas, e eles saberan o que teñen que facer. O último tema candente que me suxeriron foi o da bandeira xigante que Paco Vázquez -ese freudiano vocacional- despregou onte na Coruña, ou polo menos diso tiña intención. Pero que queren que lles diga, dáme tanta pereza que case que paso.