NA ÚLTIMA | O |

26 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA DAS primeiras leccións prácticas sobre as dinámicas do libre mercado chegou de golpe nun combate de boxeo. Un grupo de alumnos da escola, que recaudabamos cartos para unha excursión de fin de curso, tivemos a idea de montar un quiosco de bebidas nas inmediacións do espectáculo. Aínda non soara a campana do primeiro asalto e nas tinas que servían de nevera só quedaba xeo, algunha cocacola e basantes botellíns de auga. O que máis éxito tivera foran as cervexas. Cando a maioría dos rapaces frotaban as mans ante unha recaudación inesperada por un tempo de traballo certamente pequeno, un deles colleu os cartos, marchou para un bar cercano e gastou todo en caixas de cervexa. O negocio resultou redondo. As ganancias multiplicáronse, pois, ante a demanda esaxerada e unha estratexia de márketing acertada, que consisitía en desmontar o mostrador e vender directamente grada por grada, os prezos creceran ata o dobre do que se cobraba inicialmente. A cousa puido acabar en problema, porque a prohibición de venda de alcol nos espectáculos deportivos xa estaba vixente. Non pasou nada. Con todo aquel movemento, ningún dos rapaces prestamos atención ao que pasaba no cuadrilátero. Só un abandonou dende o principio a iniciativa empresarial que fascinara a todos os demasis para contemplar aos púxiles. Co tempo aquel rapaz convertiuse nun boxeador de certo renome no panorama galego, e mesmo no nacional. Hai uns anos, desmellorou, deixou o ring e meteuse a porteiro de discoteca. O desencadeante do declive foi unha mestura de inconsciencia, falta de intelixencia e unha paixón desmesurada pola cocaína. Xustamente todo o contrario que o que representa o deporte. Por certo, que o rapaz que ideou o negocio das cervexas pilota agora, uns quince anos despois, o seu propio avión.