¡ARRE HO! | O |
13 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O PRIMEIRO ano que cheguei a Santiago estudiar non tiña a máis mínima idea de onde quedaba Cuntis. Ese ano fun dar a unha pensión un tanto estraña, rexentada por unha paisana de Escarabote que se caracterizaba polas inxentes cantidades de pataca coas que adubiaba a ensaladilla. No meu piso había unha serie de personaxes dos que prefiro non acordarme, tipos estraños de Arousa e de Ourense, uruguaios que traballaban en restaurantes mexicanos, un limpador toxicómano que sempre traía dóces, un paisano do que ninguén sabía nada e que acabou escapando da casa despois de prenderlle lume ao televisor mentres fritía unhas hamburguesas de supermercado. O caso é que naquel piso había tamén un tipo co que fixen boa amizade. Era de Cuntis e vivía en Pontevedra, e agora que unha reviravolta da vida me fixo vir á esta cidade, acórdome del de vez en cando, sobre todo cando paro cada mañá tomar o café na súa localidade natal. Cando acabou o curso, eu marchei vivir a un lugar onde a ensaladilla levase un pouco menos de fécula, e perdinlle a pista. A cousa foi tan rápida que levei comigo unha guitarra que me emprestara. Tío, que saibas que, aínda que pasaran case dez anos, sígoa tengo gardada. martino.suarez@lavoz.com