¡ARRE HO! | O |
12 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.QUE queren que lles diga, un afronta con optimismo total estes últimos días da temporada laboral, e fai todo o posible para preparar o mes de vacacións con primor para que todo saia a pedir de boca. Por exemplo, o domingo pasado fun un par de horas á praia, sen protector solar, todo un machote, procurando apañar, agora que aínda estou traballando, esas queimaduras tan molestas que lle fan acordarse da parentela de quen lle vendeu a camiseta, que se pega á pel de xeito tan doloroso; así, penso eu, o pelexo queda cauterizado de cara aos días nos que se poida estar toda a santa tarde torrándose ao sol. O outro día entereime, ademáis, de que o lugar no que vou pasar a primeira semana de folganza foi arrasado por un ciclón, e alegreime, porque malo será que haxa dúas tormentas en quince días, e así o terreo estará despexado cando me atope alá. O asunto de alcanzar as vacacións con todo o mal feito chégame a afectar inconscientemente, ou iso creo: onte á noite debinme de empeñar en durmir retorto coma un novelo na cama, porque agora dóenme as costas a morrer. Pero a dor pasará, espero que antes da semana que vén. Xa me ven, de derrota en derrota ata o trunfo final.