¡ARRE HO! | O |
05 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ARTHUR Lee é un tipo curioso. Nos sesenta, co seu grupo, Love, condensou nun disco, Forever changes, todas as boas intencións e todo o mal corpo da é poca hippy. Love era un grupo estraño, formado por negros e brancos, algo non demasiado ao uso por entón -tampouco agora-, que facía un pop delicado e evanescente, con letras entre o illamento absoluto e toda aquela empanada de amor cósmico que se estilaba -«sabes que podería namorarme de case calquera»-. Sen embargo, esa última imaxe non cadraba demasiado ben con Lee, un tipo ciclotímico, tan capaz de facer cancións perfectas como de atorrar ao máis entusiasta. Nos noventa pasou na cadea uns anos porque, segundo parece, fixo exactamente o mesmo que nos gustaría facer a moitos: interrumpiu unha reunión da comunidade de veciños pegando tiros contra o teito. Recén saído do cárcere, editou unha reinterpretación en directo do Forever changes, gravada case corenta anos despois do orixinal, que pon os pelos de punta. Pouco despois, no festival de Benicàssim do verán pasado actuou tan borracho -morréralle o seu mellor amigo- que deu pena. É unha lenda e as súas composicións son clásicos entre os clásicos, así que todo se lle permite. E dentro de nada actuará en Caldas de Reis.