NA ÚLTIMA | O |

07 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

EN TODAS as profesións o celo por facer ben as cousas debera ser unha máxima ineludible. Pero o grao de esixencia que se reclama para os demais adoita ser proporcional á indulxencia aplicada a un mesmo. Despois hai algúns casos nos que calquera metedura de pata é censurada con rotundidade. Os exemplos máis claros son os dos médicos, nos que un erro nunha mala xornada pode acabar custándolle a vida a unha persoa. Pilotos de avións e trens tamén deben vivir baixo a mesma lupa. En todos estes casos, o mal que fagan é irreversible, pois unha perna amputada, por exemplo, non volve crecer. Aos xuíces pásalles unha cousa parecida, aínda que as decisións destes últimos, salvo nos casos de condenas a morte, é subsanable. Pero unha cousa é cometer un fallo na actividade diaria e outra tomala de coña. A cousa ven a conto dese xuíz que mantiña máis de dez mil asuntos atascados porque aseguraba que se lle cansaba a man ao escribir. Peor resultou aquel maxistrado que sentenciaba en verso asuntos como separacións, herdanzas e algún outro caso máis escabroso. Dicía que así os veredictos eran mellor recibidos. Equivocou a profesión. O único que se lle pide a unha sentenza é que sexa xusta. Unha poesía abonda con que resulte fermosa.