¡ARRE HO! | O |
27 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FÍXENSE vostedes que xusto agora que conseguira eu normalizar o meu trato coa realidade vai e vénse todo abaixo. Xusto agora que estaba disposto a consentir que realmente non hai posible reconciliación entre bandos, vai e aparece unha aspirante a parlamentaria do PP que di estar casada cun «militante activo» do BNG, e dío así, «militante activo», coma se a súa condición fose semellante á dun terrible virus mutante. Xusto agora que empezaba a crer que vivía nun país civilizado van e aparecen ducias de intelectuais e de especialistas para chamarlles «mariconazos» e «tarados» aos homosexuais, para tachar de «infamia» o matrimonio gay. E xusto agora que conseguira entender de que vai todo iso da telerrealidade, que captara por fin a función beneficiosa cumpren para nós as tormentosas vivencias de Ger, Ra e Gen -se non saben quen son, sintonicen La casa de tu vida-, xusto cando lograra saber máis ou menos e sen quedar coma un pampo identificar quen é quen no famoseo ibérico, van e anuncian que Sardá se retira e que ao mellor se acaba Crónicas Marcianas, e van e deteñen a Dinio no aeroporto de Barajas por un delicto descoñecido. Isto é un complot.