¡ARRE HO! | O |
25 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O OUTRO día, mentres comía un risotto, contáronme unha cousa ben simpática. Un coñecido faloume dun coruñés que vai dicindo polos bares -eses púlpitos- que agora é apátrida. Non lle busquen ao tipo ningunha historia romántica tipo Joseph Roth e a caída do Imperio Austrohúngaro: o home conta que, «desde que eses mamarrachos de la Xunta le quitaron la ele a La Coruña», el xa non sabe de onde é. O caso recórdame a unha carta que lin nun xornal, sospeito que este mesmo que teñen entre as mans, no que unha señora herculina se preguntaba con escándalo «por qué en las autopistas las señales ponen ''A Coruña'' y no ''a Lugo'', o ''a Madrid''», burlándose, interpretando que o artigo era preposición e facendo unha gracieta. E penso eu se non se sentiría un pouco apátrida o meu avó cando tiña que ir ao oculista a Villalba a explicarlle, nun idioma no que se defendía malamente, que non vía ben; ou algún veciño del, cando tiña que ir ao notario a Vivero, ou á escola ao Valle de Oro, para escoitar palabras que entendería máis ou menos; ou se non notaría algo estraño, esquizofrénico, alguén que fixese toda a súa vida en Sanxenxo, mentres os letreiros á entrada é á saída da vila puñan outra cousa moito más rara e expectorante.