NA ÚLTIMA | O |
22 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HAI VECES nas que as opinións non se pronuncian e argumentan, senón que se cuspen directamente sobre os discrepantes. Hai quen bautizou onte a data na que se aprobou o matrimio entre os homosexuais como o «día da infamia». Ao mellor, así, dito rápidamente, dende algún tipo de trincheira moral, a palabra sae soa, como se non tivera contido. Pero os que agora dicen que non se pode falar de matrimonio porque a súa orixe etimolóxica non permite que se lle aplique só á unión de dous homes ou de dúas mulleres, deberían saber que todas ás palabras teñen un significado estricto. Infamia, por exemplo, ten que ver co «descrédito e o deshonor». Non se ve nada diso na unión de dúas persoas do mesmo sexo. E moito menos a «maldade e a vileza, en calquera liña» da que tamén falan os diccionarios na entrada da palabra. Pero é que o da orixe etimolóxica soa a recurso desesperado, a subterfuxio lingüístico como último cartucho para disparar cando xa non se atopan espacios xurídicos desde os que defender a merma de dereitos para algunhas parellas. Pero postos a bucear nos diccionarios, o matrimonio é moito máis que o sacramento co que se unen un home e unha muller. Por exemplo, un plato de arroz e fabas guisadas, como lle dicen en Porto Rico.