Corpos renovados

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

02 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UN ESTUDIO, seguramente esaxerado nas súas conclusións, debuxara un panorama disparatado da hixiene nos fogares. O lugar con menos xermes era o retrete, polo celo que puñan os propietarios en manter o lugar en condicións. A maior concentración de porquería microscópica vivía feliz no estropallo co que se lava a louza na que depois, por certo, se serve a comida. Nel poden concentrarse comodamente ata cen mil bacterias por milímetro de líquido escurrido. Descendendo ao chan, en cada gramo de polvo doméstico hai un microgramo de sustancias contaminantes como pesticidas e policlorobencenos. Pero a maioría da película que se acumula sobre os mobles da casa son partes de nós mesmos. Na pel da xente concéntranse ata un millón de bacterias por milímetro cadrado. De tanto rozar o corpo desprendemos un millón e medio de escamas ao día, vinte pelos e un litro de sudor. De feito, en tres anos, por este e outros procesos, o organismo chega a renovar todas as súas células. Un corpo novo enteiro cada tres anos. E só unha cousa que nos conecte co que fomos. A memoria. Ou mellor aínda. A alma.