? posición que debe ocupar Xosé Manuel Beiras, líder histórico do BNG, nas listas para as próximas eleccións autonómicas, é un dos puntos negros aos que debe enfrontarse a organización nacionalista neste momento de elaboración de listas. Para Carme Adán, a aportación de Beiras segue sendo imprescindible para o Bloque. -Segue sen concretarse o posto que ocupará Xosé Manuel Beiras, o seu líder histórico. Ofréceselle o segundo posto por Pontevedra ou o terceiro por A Coruña. ¿Vostede que opina? -Eu coincido coa proposta de Anxo Quintana. Xosé Manuel Beiras debe ir nas listas porque é unha figura á que lle debemos moito. Ten unha enorme importancia para Galiza no seu conxunto, para o pensamento galego e para o nacionalismo. Calquera posto que el decida ocupar alegrarame. -¿Que expectativas ten nestas eleccións, nas que podería perder a maioría o PP? -Debemos comprometernos realmente coa renovación da política en Galiza, dentro das propias organizacións e na esfera pública. Ábrese un período de expectativas, de moito traballo e de ilusión. Agora hai que poñerse a traballar. -¿Pero vostede está convencida de que pode chegar ese cambio? -Evidentemente, evidentemente.