Burro

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

21 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

«A LOS chicos hay que decirles sieeeeeeeeempre la verdad, por supuesto que en los términos que ellos puedan entender», di un descacharrante gag de Les Luthiers que me conta de vez en cando unha amiga. O conto non ten tanta graza escrito, porque por moito que o intente nunca lograrei reproducir sobre un papel o careto de estreñido que o actor lle pon ao ilustre e repelente estudioso da educación que defende a teoría, pero vén dicindo que aos rapaces hai que «explicarles las cosas, darles a entender los motivos». O erudito pon por exemplo «la consabida pregunta: ¿cómo nacen los bebés? Como papá y mamá se quieren mucho, papá le regaló a mamá una semishita que él tenía y esa semishita germinóoo, crecióooooo... y después de nueve meses, se convirtió en un hermoso reposho donde te dejó la cigüeña que te trajo de París». Eu víñame acordando de todo isto mentres camiñaba pola Oliva abaixo, cando escoitei un neno preguntándolle á súa mai: «Mamá, ¿por que estás enfadada?». A muller, cun xesto de vinagre dos que asustan, contestoulle ao pequeno con voz tronante: «Porque acabo de falar coa profe e díxome que eras un burro». Reglubs: eu creo que a min me gustaría un pouco máis de circunloquio.