NA ÚLTIMA | O |

08 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DE ENTRE todos os disfraces posibles, sempre hai alguén capaz de combinar o inxenio e o humor para levar un paso máis alá o divertimento do carnaval e convertilo nun auténtico exercicio de mestría. Como pasa nas fallas de Valencia. hai profesionais que comezan a idear o disfraz do ano que ven xa hoxe mesmo, doce meses antes de saír as rúas. Do entroido só se coñecen defensores ou detractores, case nunca caben as medias tintas. Un dos que avogan por non pervertir a tradición que require que o disfraz teña unha certa presencia, como a que lle dá ter traballado nel un tempo, escribiu nunha ocasión un cartel convocando a unha festa nun local nocturno. O chamamento a participar dicía algo así: «Gran festa de entroido. Os disfrazados entrarán gratis. Trapalladas non». Seguramente tratábase dun intento por manter un certo nivel entre os asistentes ao convite, pero confiaba o control do acceso a unha apreciación un tanto subxectiva. Ás veces chega cun simple rótulo para facer do vestido normal dunha persoa o mellor dos disfraces. Pero na maior parte das ocasións abonda cun pouco de humor, que foi seguramento o que lle faltaba aos organizadores da festa. Como homenaxe, o ano que ven, vestireme de trapallada, que é máis divertido.