Demasiado pedir

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

07 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ANDA ultimamente a sección deportiva deste xornal medio azourida, organizando un partido de fútbol sala no que, polo visto, nos enfrontaremos -si, amigos, servidor tamén, madia leva- a políticos locais e a directivos do Pontevedra C.F. Rian se queren: desde logo que moi poucos de nós nos podemos comparar aos Ronaldinho, Beckham e Raúl, sobre todo a fin de mes, que iso si que motiva. Pero non se crean que tratamos o tema con lixeireza, non: alí haberá pouco xogo, pero competitividade, a que se queira. Basta con escoitarnos falar mentres buscamos laterais, porteiros e dianteiros. Algúns fantasean con resultados galácticos que deixen en evidencia a estratexia de fichaxes do equipo granate. Outros soñan con colarlle un gol pola escuadra a ese pesado que fai roldas de prensa de tres cuartos de hora. Pero a pregunta máis repetida é: ¿poderei eu marcar a tal ou a cual personaxe? Segundo parece, a posibilidade de cravarlle nas espinillas unha inolvidable mensaxe de boa vontade a algún dos protagonistas da vida pública da cidade é o máis tentador do asunto. Confeso que eu tamén teño as miñas preferencias, como non. Agora, non me pidan que lles diga detrás de quen correrei o mércores que vén: entendan que é demasiado pedir.