¡ARRE HO! | O |
20 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.OS QUE vivimos on the road -non se crean nin a metade do conto, dígoo só por meterlle épica ao asunto- afacémonos a rotinas un tanto estúpidas, máis estúpidas aínda que as do común dos mortais. Servidor, que fai máis quilómetros ao cabo do día que o pelotón do Tour de Francia, tivo unha teima que a punto estivo de deixalo gastrointestinalmente feito cisco: un día decidín que, xa que non me quedaba outra que agarrar o coche para ir traballar, ía parar en todos e cada un dos bares que hai no tramo da N-550 que percorro. Mellor non dou nomes, pero o café de cascarilla de máis dun deixoume as tripas coa mesma temperatura que o núcleo do Vesubio no penúltimo dos días de Pompeia. E, como ultimamente me estou volvendo un pelín vulgar, vou pasar de relatarlles as miñas aventuras ventrais despois de mangarlle ao corpo un par de cortados matinais. O caso é que, acabado o experimento, atopeille certa graza ao asunto parándome a pensar no nome de moitos dos locais nos que acabei entrando: o Hong Kogh -é literal-, o Gran Chaparral, o Tranquilo, o Iowa... O meu favorito nos últimos tempos é o fantástico Chelsea, en Cuntis, que por ter ata ten cruasáns de tapa e prensa musical para ler na barra. Habendo sitios destes, quen me mandaría a min andar por aí de can...