Amor e cálculos

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

08 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI TODA unha serie de táboas para calcular o éxito das relacións amorosas. Nelas explícase que o enamoramento é en realidade só unha sucesión de efectos químicos que non poden durar máis que un ano ou dous. A razón que esgrimen os defensores da teoría é que o corpo non soportaría máis dese período de tempo as consecuencias sobre o organismo do estado de felicidade que dá querer a outro sen condicións. Resultaría case letal. A falta de apetito, a concentración esquiva que fai que a mente busque un momento a cada minuto para pensar na parella, resulta contraproducente para o corpo humano, din os defensores de reducir ás cousas do corazón a experimentos de laboratorio. Unha vez atopada a ecuación que explica o enamoramento, xurden as regras para calcular as probabilidades de éxito da parella. Un teorema traza a progresión das crises, que se dan por certas con precisión matemática. A primeira chega pouco despois de que desapareza a reacción química que xustificaría o enamoramento. Dous anos é todo o que se concede. Logo, outra máis forte aos catro anos, seguidas de outras aos sete, once e catorce. Non faltan parellas rotas que xustifiquen con exemplos estes teormemas científicos. Hai toda unha serie de cálculos agrupados en subgrupos que falan ademáis de que as crises de parella coinciden coa finalización de períodos vacacionais, como á volta do retiro estival ou as primeiras semanas do ano. Xa fóra do estricto terreo matemático, xurden chegados a este punto, entre os defensores da teoría, as especulacións. Así, consideran que a xente decide abandonarse condo pasan moito tempo xuntos, xustamente en tempos de vacacións. É unha pena que toda unha teoría matemática se bote a perder cunha conclusión tan pouco imaxinativa.