Van Morrison

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

22 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ANDA a prensa cultural seria toda alborotada porque resulta que a mediados de novembro actúa en Vigo Van Morrison, ese home, o músico máis sobrevalorado da historia do rock. Vostedes dirán que con que autoridade me poido meter eu con tamaño icono da cultura popular e todo iso, e eu dígolles que probablemente teñan razón, pero para min o caso de Van Morrison é un auténtico expediente X. Un amigo meu di, con toda a razón do mundo, que é o típico músico que lle gusta á xente á que non lle gusta a música, é dicir, un deses tipos que fan tonadas para poñer de fondo mentres un se prepara un arroz con berberechos, ou mentres fala de programas de telerrealidade cos amigos. Polo demais, eu non lle recordo nin unha soa canción de mérito desde que nos sesenta cantaba nos Them, e xa choveu. Sen embargo, a base de desplantes, de mala educación, cunha voz que «parece a dun negro» -entón ¿non sería mellor escoitar cantar a un negro, digo eu?- e música blandengue interpretada por instrumentistas masturbatorios, aí o está. O león de Belfast, si señor, ocupando planas nos xornais, que saúdan as súas visitas coma se o que chegase ao país fose o Papa, e enchendo auditorios coa lei do mínimo esforzo. Pois que lles preste.