NA ÚLTIMA | O |

30 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

É MOI difícil contar cousas sobre xente á que apenas se coñece. A reflexión non ven a conta de falar barato, do cotilleo, senón de traballar contando o que sucede. Di Ryszard Kapuscinski, o xornalista polaco que recorreu medio mundo como corresponsal antes de recibir o premio Príncipe de Asturias, que é un erro escribir sobre alguén con quen non se ten compartido polo menos un tramo da vida. Kapuscinski ten xa 72 anos, e dende a experiencia fai outras reflexións sobre a profesión na que é un mestre. Fala dos conflictos xeneracionais, por exemplo, sen colocarse no plano doctrinal dende o que tanto a súa idade como a experiencia lle permitirían predicar. O xornalista di que cando os colegas cos que comparte xeración falan dos seus inimigos, trátase xeralmente de xente máis nova ca eles. O consello de Kapuscinski é sempre o mesmo: que traten de comprenderlos, porque levan as de perder. Os mozos, por definición, sosten o xornalista, están destinados a vencer. É unha cuestión tan simple como que van durar máis que os vellos. No canto de combatilos cegamente, o consello de Kapuscinski é que fagan un esforzo por comprender o seu punto de vista. «E preciso entender -di- que os máis novos nos escoitarán só baixo a condición de que nós os escoitemos e que sexan eles quen nos conviden». Teño case todos os seus libros invitados a quedarse para sempre na miña biblioteca.