¡ARRE HO! | O |
26 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.IMAXINE que no seu país hai uns tipos que non só non pagan impostos, senón que cobran do que vostede e máis eu gañamos a base de darlle á tecla, de repartir gaseosas ou de vender cafés, a cambio unicamente de observar o mundo con gafas anticuadas e de dictar sentencia. Imaxine que centos de persoas viven -máis ou menos ben, pero viven- de impartir conferencias en locais enormes e preciosos que lles saen gratis. Imaxine que moitas desas conferencias consisten en insultar a veciños seus e meus, traballadores que tamén pasan pola caixa pública, porque lles gusta facer da súa vida algo co que os conferenciantes non están de acordo. Imaxine que vostede é tamén obxecto deses insultos por razóns como que lle gustan as persoas do seu mesmo sexo, que prefire crer no que pon na súa nómina a fin de mes e non en andrómenas interplanetarias, que confía nos científicos cando din que os condóns axudan a que non se propague a sida, que pensa que os homes e as mulleres son iguais, que considera que ninguén é quen de dicirlle como debe vivir. Imaxine que eses señores tan sinistros teñen, coma o bispo Barrio e o seu homófobo -quero dicir homólogo- Blázquez, a ocasión de expoñer as súas tétricas ideas ante o Rey, o presidente do Goberno, o da Xunta e miles de telespectadores. Divertido, ¿non?