Cidades e habitantes

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

16 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

EN TOQUIO, 35 millóns de xaponeses loitan cada día cunha falta de espazo que, pola densidade de poboación, debe de parecerse moito á falta de osíxeno. Boa parte -case toda, en realidade- do terrible encanto de Nova York nace dos seus 22 millóns de veciños, que se reparten por Manhattan, Queens, Brooklyn, o Bronx, Staten Island e unha inmensa zona metropolitana conformando a máis vibrante das comunidades humanas. As aglomeracións de Ciudad de México, São Paulo e Bombai reúnen cada unha vinte millóns de vidas marcadas, na maior parte dos casos, pola pobreza extrema e pola desesperación. Isto ocorre así desde hai milleiros de anos: Roma chegou a xuntar cerca dun millón de habitantes entre barrios infectos e mansións luxosas no momento de maior esplendor do seu imperio, e o Londres do XIX era un cortello de máis de dous millóns de almas. Así que esa lei que lle concede a Pontevedra o estatuto de gran cidade debe empregarse agora para facer máis eficiente a xestión dos asuntos dos apenas 80.000 veciños que patean estas rúas. E non, como me temo, como xustificación para que algúns nos miren por encima do ombro aos que acabamos de chegar da paila, a moita honra.