Portugal

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

12 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESPEREMOS que ese magno evento deportivo do que media Europa está pendente serva para que poñamos dunha vez en valor a Portugal, ese país que temos aí ao lado e do que algúns falan con estúpida superioridade. Seguramente vostedes, que teñen a sorte de vivir a un paso dunha fronteira que nunca o foi, notan menos esa animosidade. Pero eu, que son de bastante máis ao norte, aínda teño que escoitar a algún veciño falando con sorpresa de que foi alá «e todo estaba moi ben, moi coidado, moi bonito... coma aquí». Pois si, efectivamente, Portugal é un país que está moi ben, moi coidado, moi bonito. É un país no que, como di o tópico, comer é unha gozada, pero tamén ir escoitar música aos clubes de Lisboa, ou ver exposicións de vangarda no museo Serralves, ou comprar roupa ye-yé no centro do Porto. Ou para facer negocio. Ou para marchar traballar, como fan ducias de galegos nesta era de emigración soterrada. E claro que en Portugal tamén hai homes patilludos, mulleres con bigote, toallas, malos conductores, hosteleiros pícaros, pasos a nivel sen barreira. Coma en Pontevedra, en Marín, en Campo Lameiro ou en Valga. A ver se imos estar nós como para dicirlle ao resto do mundo onde lle apreta a alpargata.