NA ÚLTIMA | O |

18 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

OS QUE a estas alturas xa contan cos dedos das dúas máns e apenas os dun pé os días que quedan para que cheguen as vacacións viven as tardes de sol como a de onte como unha especie de regalo anticipado. Pasa na redacción dende a que se escribe esta columna, donde os cafés nas terrazas con gotas extras de vitamina que aporta o sol sentan como unha auténtica bendición do ceo antes de que as páxinas comecen a tomar forma nas horas da tarde. Pero o bo tempo tamén ten as súas maldicións encubertas. Un compañeiro foxe como da morte das comidas ao aire libre porque os beneficios da claridade dos raios na face son menores que os sobresaltos que supoñen os augurios de negro futuro aos que un se expón. Agora o meu amigo está de vacacións forzadas por un susto no corazón que o obriga a gardar reposo durante uns días, así que aproveito a súa ausencia nas comidas que compartimos habitualmente para rabuñar horas de terraza. Dende que non me acompaña acumulo maldicións. A última, onte mesmo e por partida dobre a cargo dunha desas señoras vestidas de negro que se dedican a percorrer as rúas ofrecendo a boa ventura baixo ameaza de represalias con forma de meigalllo se non se paga. De momento o café sentoume perfectamente, pero parece que vai marchar o sol. Peor para ela, que terá menos clientes.