OLLO CRÍTICO
22 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A IMPORTANTE exposición do pintor mexicano Diego Rivera (Guanajuato, 1886, México DF, 1957) no Museo de Pontevedra, enlazable cunha anterior dedicada a Rufino Tamayo, complétanos unha visión do que foi unha das propostas artísticocolectivas máis influentes do século XX : a pintura muralista mexicana dende a man dun dos seus máis importantes protagonistas. Terá Rivera 35 anos cando en 1921 retorna a México disposto a rachar cun pasado europeísta vinculado ao cubismo e ao movemento construtivista ruso para iniciar no seu país este novo proceso. En comuñón con Siqueiros e baixo as influencias dos gravados do precursor José Guadalupe Posadas activa unha temática baseada na radicalización nacionalista con carga antieuropeísta (non en van o seu país fora colonia de España, Francia e Alemaña a quen se atribúen todas as precariedades) e mostra a súa solidariedade co pasado precolombino e o pobo indíxena que acredita o seu ascendente. Xunto co seu compañeiro Guerrero investiga na tradición muralista precolombina, e o mural é a forma escollida para o desenvolvemento dos seus temas. A súa pintura transfórmase e sintetízase cara a un expresionismo narrativo, heroico e simbolista con carácter de grande fresco nun estilo de indisoluble unidade. É unha arte visualmente útil que parte do principio de panca proselitista que informa e conciencia ao pobo, cunha aposta polo indixenismo e a obra de contido social e populista para que exerza de telón de fondo do berce dun novo país. Na pintura de cabalete que constitúe a base desta exposición, Diego ofrece a sintetización do esencial popular mexicano, baixo o perfil do pensamento orteguiano e do espírito dos pintores do 98 como Zuloaga ou Romero de Torres, máis absolutamente disociado dos aspectos adicionais daqueles como o barroquismo, a retórica ou a carga metafísica. Escenas intemporais A temática recóllese dun xeito elemental familiar e sintética sen estridencia romántica nin axitación ou drama. As escenas discorren sen présa, intemporais como mesmo intemporal é a sociedade precapitalista que describe no cotián. Recorre á resignación, e o seu trato dos elementos tradicionais aproxímao a unha narrativa do popular con perfís flamengos e brueghelianos traducidos cara ao inxenuísmo expresionista ao estilo do Aduaneiro Rouseau. Son pinturas cheas de luz sen grandes contrastes de matiz, onde o protagonista é o pobo, o folclore, o mercado, as festas, a paisaxe e a natureza que se complementan nun simbolismo ontolóxico. Nos seus retratos, indixeniza aos persoaxes europeos e dramatiza a súa prosperidade, nun afán de radicalizar en maior medida as distancias entre o xenuíno e o conxuntural. Da obra muralista tense falado da influencia que Rivera puido exercer no nacemento da arte pop, a partires dos murais que realiza en Estados Unidos baixo os perfís do cómic e do supermanismo aplicado ao desenvolvemento tecnolóxico e industrial. En toda Sudamérica, a influencia de Rivera e do muralismo mexicano foi enorme ata chegar a configurarse un expresionismo de clase baseado no indixenismo, con epígonos extraordinarios como Portinari ou Guayasamín, ata a posterior ruptura liderada por Torres García e Rufino Tamayo. Os pintores galegos exiliados en Arxentina viviron directamente esta influencia e a vocación muralista de Colmeiro, Laxeiro e Seoane abundan nesta dirección. O primeiro parece aliñarse no agrarismo de Orozco e as súas formas envolventes. Laxeiro, máis informal, no luxurioso e imprevisible universo lúdico-narrativo de Rivera. O Museo de Pontevedra adquiriu hai pouco un mural arxentino do pintor galego que acredita a inercia do muralismo mexicano na actividade dos nosos artistas. A chegada de artistas exiliados españois a México tras da Guerra Civil significou a faceta menos solidaria e construtiva de Rivera e do seu sindicato de pintores, que viron neste desembarco un futuro acoso aos seus argumentos corporativos. O boicot que inicialmente sufriron Arturo Souto, Ramón Gaya, Enric Climent, Renau... como posibles desestabilizadores da arte nacional mexicana dificultou a súa integración e a aceptación dos seus argumentos pictóricos. A excepcionalidade desta mostra veracruzana, de actualidade en Galicia, posibilítanos a aproximación a unha pintura de grande prestixio, resolta con grande audacia e cunha oferta plástica do Rivera íntimo, familiar e sensible coa afirmación nacional do seu país.