NA ÚLTIMA | O |

20 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA VEZ vin a Maradona. Pasou tan preto de min como a distancia que separa a vista do lector deste xornal. Estaba xa moi desmellorado e viñera a Galicia a xogar un partido no que unha amistade me colara de xeito que un grupo de nenos poidéramos ver ao xenial futbolista a pé de campo, nunha postura demasiado privilexiada, completamente desproporcionada para a miña afección ao fútbol, pero que aceptei como unha oportunidade única. A fama de vividor xa había tempo que o adiantara. A mesma que o fixera caer do pedestal no que os ídolos viven ata que afean a súa condición de adorados cunha actitude que defrauda. Maradona corría a banda enfundado no uniforme do Sevilla, esquivando os gritos da afección galega que lle instaban a manterse lonxe da raia branca que delimita o campo. Non hai sitio para as sutilezas nos cánticos dos forofos dos equipos contrarios. Eu tamén berrei. Agora só me gustaría que se mellorase.