NA ÚLTIMA | O |
14 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.IGUAL QUE a moitos dos que non lles afecta o exceso de cafeína, un grupo de compañeiros da redacción local deste periódico acabamos o día cun balance duns cinco ou seis cafés no corpo. Deles, polo menos tres son deses que hai que pagar a prezo de ouro en establecementos públicos. A primavera propicia que polo menos os de despois de comer estean a ser consumidos ultimamente ao aire libre, rabuñando algún destes raios de sol cos que está agasallando este comezo de abril. O regalo dos días soleados non é, sen embargo, totalmente gratuíto. O café ao aire libre ten un sobrecuste de entre dez e vinte céntimos, segundo a terraza escollida. Na sobremesa de onte, na pandilla deixamos perder algo de tempo en calcular canto acaba supoñendo para o peto a inflación cafeteira ao aire libre. Por poñer unha cifra, redondeamos en sesenta os días de terraceo, e en 1,5 os cafés consumidos por xornada dentro da modalidade soleada. Así, de cada un dos bolsillos ociosos saía un gasto mensual engadido por persoa de dez euros. Alguén dixo entón que lle parecía pouco que o Concello só recaude 60.000 euros ao ano por todas as terrazas da cidade. Así visto, parece unha cantidade ridícula. Sobre todo porque as gotas de sol que fan dos cafés desta época os mellores do ano non teñen prezo.