¡ARRE HO! | O |
30 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.ARRASTRADO polo espírito do Nadal, un amigo meu decidiu que o que vai facer coa entrada do novo ano será empezar a fumar. Propúxose o asunto cando leu na prensa que o primeiro anuncio que se verá na tele no 2004 será un do Xacobeo, así que escuso dicirlles con que sustancias ten pensado adubiar o cigarro co que estreará a súa nova vida. Servidor, que é dos que pensan que calquera tempo pasado foi anterior, proponse resistir o tirón e non cortarse as veas antes de tempo, por moito que as mensaxes sexan terroríficas. Xa revelou o conselleiro do ramo que un só concerto do magno evento vai custar o mesmo que todo o festival de Benicàssim -non sabía que Carmiña Burana tivese tan alto o caché-, así que a cousa quédache dita desde o principio. Xa se sabe, a pasta e a cultura adoitan facer moi boas migas, e fíxense senón nos dous millóns de euros que se embolsou este ano o Dinio. Pese a todo, non é para poñerse a fumar a destempo. Outros recibirán -recibiremos- o ano xubilar coma calquera outro: empezarán a noite con escepticismo, seguirana con gran dor na carteira e rematarana dando pena, agora diante das cámaras de control de tráfico que puxeron en Pontevedra. En fin, unha lástima.