Superioridade

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

01 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

EN NOVA York, o solar do World Trade Center xa ten utilidade. Xa hai un proxecto -privado- aprobado, as obras empezaron practicamente horas despois do ataque con avións que o derrubou hai dous anos e, neste momento, os cimentos dos novos edificios están xa botados. O construído chega xa ó nivel de Liberty Street, onde estaban situadas as Torres Xemelgas ata setembro do 2001. O novo edificio recordará ás víctimas do atentado dalgún xeito, pero servirá fundamentalmente para que o seu propietario alugue oficinas. Imaxínense que algo así ocorre por aquí. Poñamos que os avións se tivesen empotrado contra o edificio máis alto de Pontevedra, vaian por diante as miñas desculpas ós seus habitantes. Aquí estariamos esperando a que a Xunta e a Deputación firmasen un convenio cuatrianual para financiar as obras, mentres o Concello pensaba se non sería mellor trasladar as torres a Campañó para facer no solar algo máis simbólico, unha intervención artística, algo máis sensible, por favor, teñan en conta ás víctimas, un monumento que evidentemente Patrimonio non aceptaría, o que retrasaría as obras un par de anos máis... Mentres, seguiriamos mirando con superioridade moral ós Estados Unidos.