Acabar con vidas en dous meses

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

18 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ALGÚN estrano mecanismo mental levou ó autor dunha pintada feita nunha granxa destartalada dos arredores de Salamanca a relacionar sobre aquela parede a disolución dun matrimonio cun atentado á integridade física da xente. «No al divorcio, sí a la vida», di a protesta plasmada sobre a fachada en pintura negra. O máis probable é que o desaguisado se debera á confusión entre divorcio e aborto. Máis dun conductor xirou repetidamente a cabeza para comprobar que non lera mal a sucesión de letras. D-i-v-o-r-c-i-o, nada que ver con a-b-o-r-t-o, pensou quen guiaba o coche, que sentiu a tentación de dar marcha atrás e sacar unha foto. Sería a imaxe pura do disparate condensada en sete palabras. Fan falta, ás veces, moi poucas letras para ordear a realidade e adecuala ó compás do tempo no que sucede. Como esa pequena reforma que vai permitir que os divorcios se fagan por xuicios rápidos no tempo récord de dous meses. Sesenta días para acabar con toda unha vida, segundo o razonamento da pintada. Haberá alguén nas inmediacións de Salamanca ó que lle parecerá, máis que un detalle legal que agradecerán non poucos, toda unha arma de destrucción masiva.