Granate desde o branco e negro

La Voz

PONTEVEDRA

Praza da Ferrería Aurelio Torres Orge, de 82 anos, é o decano dos peñistas do Pontevedra, ó que leva seguindo desde moito antes de que as cores do equipo puidesen distinguirse por televisión

29 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Din os mozos de Furya Granate que o van facer presidente de honra da súa peña. E el replica con sorna que non lle importa, que alguén con cabeza ten que haber para atar con correa curta a semellantes elementos. Chámase Aurelio Torres Orge, ten 82 anos -«un oito e un dous», di el-, e é un dos siareiros máis veteranos do Pontevedra C.F. Porque a el o tempo non o retirou do fútbol: ademáis de figurar entre os eternos de Pasarón, tamén é un habitual nas viaxes do equipo. «Isto meu co fútbol é unha enfermidade», bromea. Testemuña do traxecto do fútbol pontevedrés desde os tempos tristes da posguerra ata o partido do sábado pasado en Balaídos, Aurelio Torres Orge non deixou nunca de sentir ese pálpito do que falan os que teñen unha paixón irrenunciable. Non o fixo nin cando foi traballar a Alemania, a Hannover, nunha fábrica de coches na que pasou sete anos. Torres foi garda municipal, obreiro da construcción, empregado de Elnosa, pai -o máis novo dos seus fillos, Antonio Torres, é presidente do clube de fútbol da Seca-, viaxeiro impenitente... Pero, sobre todo, foi forofo do Pontevedra. «O día que ascendemos por primeira vez a Segunda», en xuño do 1960, recorda, «era día de Corpus. Había trens gratis a León, pero eu tiven que quedar traballando aquí. Escoitei o partido pola radio, e chorei máis que cando morreu a miña nai». O catálogo de historias de Aurelio Torres é longo. Nel disfrutan de capítulo propio futbolistas como Mariano Martín, do Barcelona -«era capaz de sacar un córner, ir rematalo e marcar gol»-, o granate Ceresuela -cando fixo o seu famoso tanto da victoria contra o Real Madrid, en marzo de 1964, Torres, que viñera desde Alemania para ver o partido, perdeu «un reloxo de ouro celebrándoo»- ou o mesmo Di Stéfano. Este último, recorda Torres, «tiña unha mala ostia bárbara. O arxentino non encaixou demasiado ben a derrota do Real Madrid en Pasarón, aquel 1-0 de 1964. «Ese día eu estaba esperándoo na porta do estadio, porque quería falar con el, pedirlle un autógrafo», narra. «Non hai moitos xogadores capaces de salvar un gol na súa porta e marcar na contraria. Esperei, esperei e esperei ata que un directivo do Pontevedra me dixo: "Non estarás esperando por Di Stéfano... porque marchou pola porta de atrás"». O decano dos siareiros granates non perdeu nunca o gusto por viaxar seguindo ó seu equipo. A súa faldriqueira dos contos engorda continuamente, desde o ascenso de 1984 a Segunda B -«houbo que engañar á muller para que viñese comigo, pero eu tiña que ver ó equipo do Nécora [Fernando Castro Santos, o entrenador do momento]»- ó partido que xogou o Pontevedra en Barakaldo o pasado mes de setembro. Torres nunca fala do frío que se papa nas gradas: «Cando vas por aí, sempre atopas xente boa», asegura, pola contra. Aurelio Torres veu medrar o agora vetusto estadio de Pasarón «en mes e medio», no verán de 1960. Cada día, explica, pasaba pola zona para visitar «a varios amigos que traballaban alí, en turnos de dezaséis horas. Fixeron moitos cartos». El mesmo colaborou, anos despois, na renovación do céspede. Por iso lle parece imposible que para decidir onde van construir un campo novo os partidos políticos leven meses sen se decidir. El teno claro: prefire que o Pontevedra siga xogando en Pasarón, «ainda que o teñan que revolucionar». «Alí xa vin eu xogar ó Eiriña e ó Alfonso», os equipos dos que xurdiu o actual clube, explica, «que vaia broncas que tiñan cos de Vigo, co Sporting e despois co Celta. En Pasarón xoguei eu co Carabela, cando era filial do Pontevedra». Liña directa Torres confesa que ten liña directa con algún dos que van decidir onde quedará o estadio: o concelleiro de Deportes, Chano Esperón, é o seu médico «desde hai trinta anos». Para Esperón ten palabras de apoio, ainda que, segundo confesa con cara de traste incorrixible, tampouco lle doe tomarlle o pelo: «Chaniño, dígolle eu, ¿concelleiro de Deportes ti, que nunca viches a metade dun partido?».