¡ARRE HO! | O |
28 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.FINALMENTE os que van estar equivocados son Lores e Teresa Casal, empeñados en demostrar que o pacto de goberno entre o BNG e o PSOE pode funcionar, polo menos en Pontevedra. Se un se para a pensar, quizá a estratexia correcta para instalar dunha vez unha alternativa progresista en Galicia sexa a que se está experimentando en Vigo, ou en Compostela, ou mesmo na Coruña, sitio distinto. A saber: o secreto está en coller desprevenido ó inimigo. É dicir, que un acosa ó alcalde socialista, báixalle o soldo facendo pinza co PP e ofrécelle a alcaldía a este último para que se confíe. Ou fai como que o BNG non existe, pacta cos populares varios chalaneos urbanísticos e faise unha foto con Dositeo Rodríguez, o amigo de Fraga. E enton, só entón, asesta o golpe definitivo, elévase dez metros sobre o piso, infla a patadas dialécticas ó rival conservador, practícalle as máis inverosímiles chaves de karate, lánzalle varias ondas vitais e abrúmao con super-mega-ultra golpes, ¡zaca-zaca-zaca!, aprendidos dun mestre tibetano que... Perdón. Acaba de pasar por aquí o meu compañeiro de columna para recordarme que, por moito que na TVG vaian repoñer a Son Goku, a política non ten nada que ver cos debuxos animados xaponeses. En fin, retiro o dito.