Clons e sucesores

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

01 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

FÍXENSE se lle afectará a un a depresión posvacacional que estiven tentado de nomear sucesor e rematar mandato con honras de Estado. Pensei en chamar á xefa e contarllo, pero despois vin que non ía ser boa idea, e que en vez de sucesor o que me ía atopar eran unhas risas do tamaño do monte Aloia, así de malvada é ela. Esas cousas -designar sucesor, despedirse con honras de Estado- só as poden facer os grandes homes. Ós demáis o único que nos queda é a reciclaxe, a saber, transformar ese «¡anda e que se f...!» que lle sae a un da alma nun «¡anda, que ben que estou de volta!» alegre e terapéutico. Non é tan difícil. Nin vostedes nin o mundo puideron cambiar tanto nun mes, por moito que fosen ó Tibet a converterse ó budismo. Fíxense arredor, todo segue igual, onte á mañá atoparon o mesmo atasco na mesma ponte sobre o mesmo río, co mesmo tío bala ó que lle sobra o paseo de Colón para cambiar de carril quince veces; ó chegar ó traballo, sobre o escritorio, ou o mostrador, ou a fresadora, estaban os mesmos papeis, ou productos, ou pezas; os constructores seguen gañando cartos, na biblioteca segue habendo os mesmos libros, a axenda política segue tan divertida coma sempre e Lores aparece nas quinielas da segunda sucesión que nos tocará soportar este ano, non me digan que non o sabían. Estabamos tan contentos ó sol que non nos acordamos da realidade, ese chiste sen gracia. E a realidade, a diferencia dos señoritos e dos banqueiros, non designa sucesor, senón que se clona.