NA ÚLTIMA | O |
06 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA combinación de vento arremuiñado e caprichoso, con continuos cambios de dirección, e un calor abafante volveu nunha ocasión tola a toda a poboación dunha pequena illa do Índico. A loucura colectiva arrancou ós pouquiños. Primeiro foi unha irritación entre os pacíficos habitantes polas cuestións cotiás. Houbo disputas entre o tendeiro que despachaba no peirao e os clientes pola calidade dos productos, o seu precio ou incluso polos modais, certamente escasos, que demostraba aquel detrás da barra. A espiral de violencia arancou precisamente a raíz dunha clienta que lle reprochou a falta de peixe, como consecuencia de que os mariñeiros non podían facerse á mar. A resposta que obtivo foi un impoperio irreproducible. É o único dato certo. A partir de aí, comenza a confusión. Houbo pelexas, saqueos, e ata asasinatos. Cando un buque británico arribou ó porto, unha vez finalizada a crise, atopou xente espida correndo sen rumbo, nais chorando polos seus fillos, que desapareceran no mar cando buscaban alivio ás altas temperaturas, e cans pendurados, non se sabe por que oscura razón, do alto das árbores, ladrando para que os ceibaran. Foi polo calor, que, se é como o destes días, acaba por derreter a lóxica.