O sector turístico

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

23 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DIN os que entenden disto que hai síntomas inquietantes no estado do sector turístico, un dos motores económicos do Estado e a panacea que se lle vendeu a este país cando o resto das industrias foron pechando. Polo visto, de pouco valeu restaurar casas rurais e promover as visitas dos veraneantes fetén, eses que se deixan os cuartos nos restaurantes e dormen en hotelitos con encanto. Según din, aínda que veñen máis turistas, gastan menos, compran todo de oferta e, no colmo da desfachatez, pasan a noite de gorra, se poden, na casa duns parentes caritativos. Estes son os síntomas que ven os que saben de economía. Un amigo meu, que do que sabe é de atascos e de prazas de estacionamento, asegura que o que ten detectado é algo que, de ser certo, confirmaría as perspectivas máis negras: di que en Sanxenxo, mediado o mes de xullo, pódese aparcar. Así, sen máis, sen cabrearse nin pagar. O acabouse.