O Tour

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

14 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NON sei se contei algunha vez nesta columna a miña condición de rendido admirador de Induráin, o único tipo capaz de rivalizar no meu altar particular con tipos coma Lennon, McCartney, McKaye ou o cantante dos Ramones. Durante os cinco anos consecutivos que gañou o Tour, o meu pai, ciclista afeccionado de mérito, e máis servidor disfrutamos de tardes gloriosas de camping e de televisión terraceira, rodeados de turistas centroeuropeos que animaban a tipos de nomes tan impronunciables -Bruyneel, Ugrumov- como impensable era a súa victoria. Induráin, el si que era un fondo de compensación -moral- interrexional. Confeso que o domingo, na subida ó Alpe D'Huez, volvín ter o meu momento forofo: aplaudín coma un energúmeno cando Iban Mayo entrou na meta colorado e vestido de laranxa, minuto e medio antes que Armstrong, un tipo que pasou de heroe a malvado en apenas tres anos. E síntoo, pero eu son dos que pensan que non debe gañar o seu quinto Tour. Ninguén pode ser coma Induráin. Nin gañando o sería. Pero, para variar, vou cos que perden: hoxe volvía de facer un traballo en Marín cando escoitei pola radio que caera Beloki, que rompera a alma contra o asfalto e que non ía poder seguir. ¡Maldición!