O espírito estival

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

30 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

FÍXENSE vostedes que un dos recordos máis potentes que me quedaron do meu impenitente costume de oír música en directo foi o de escoitar na carballeira de Caldas a Sex Museum, hai un par de anos. Poucas veces vin un grupo tocar tan alto, tan forte, tan ben que o público nin bailaba: mirábaos coa boca aberta, pasmados ante a potencia do espectáculo, alucinados pola presencia escénica do seu cantante, un Iggy Pop á madrileña, aplanados pola guitarra de Fernando Pardo, un dos nosos. Foi unha noite tremenda: Deluxe, o grupo de Xoel López, presentou Que no, a canción que agora soa en todos os lados, servidor estreouse como fotógrafo de prensa ocasional cunhas imaxes terriblemente malas e un amigo caeu dun carballo abaixo escordando unha man. Pode que ultimamente lles estea dando a tabarra acudindo con demasiada asiduidade ós meus momentos rockísticos, pero hoxe a cousa está xustificada. Proben senón a ir á carballeira de Caldas o venres 11, na primeira xornada do festival Cultura Quente. Para moitos, será a nosa primeira vez co Maestro Pocero, a reencarnación actual de Josele Santiago, o dos Enemigos, e a penúltima con Mastretta, un xenio da música cinemática. O espírito estival, que o come a un. (Unha puntualización de última hora: os concertos gratuítos están moi ben, pero non deixan de reventar o mercado. Xa sei que hoxe en día pola música só pagamos os estúpidos, pero os músicos non viven do aire).