¡Arre ho! | O |
21 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A LARRABASTERRA, en Sopelana, emigran en verán os bilbaínos que queren escapar do calor abafante do Botxo, o burato orográfico no que se construiu a capital de Biscaia. Nas praias hai surfeiros cabalgando nas olas, obreiros da construcción lucindo moreno de andamio e señoras de familias "muy bien" de Bilbao de toda a vida. Na beira do mar hai lentellas, galletas e ata solomillos de chapapote, regalo de Galicia, Nadal do 2002, e unha dura polémica sobre se se deben pechar as praias ó baño, por se a alguén se lle ocorre tragar un pedazo de fuel visgoso. Non se comprende como en Euskadi non tomaron a mesma determinación que en Galicia, onde o problema da marea negra, se é que algún día existiu, quedou por fin enterrado en bandeiras azuis e medallas institucionais, puro deterxente para as conciencias. Na estación do metro que leva a Bilbao, dúas paisanas fállanlles a uns rapaces: "Es increíble que haya tan pocos trenes". Os mozos, parapetados detrás das súas táboas de surf, asenten. "¿Sabes lo que habría que hacer?", retruca a outra, "habría que tirarse a la vía todo el pueblo y a ver qué hacían los del Ayuntamiento". O metro pasa cada vinte minutos, con puntualidade escrupulosa. E co aire acondicionado a tope. Menos mal que non teñen que pillar o trole.