Gañar sempre

MARTIÑO

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

12 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

É DIFÍCIL imaxinar algo máis zafio e facilón que estar sempre cos que gañan. Dígollelo a eses centos de seguidores do Pontevedra que hoxe temen quedar fóra da fase de ascenso a Segunda. Xa sei que sería unha pena, pero hai que seguir aí. Irvine Welsh conta en Cola as feroces diatribas entre os seguidores de dous equipos de Edimburgo, o Hibernian e o Hearts de Midlothian, condenados a loitar pola terceira praza nunha liga que dominan o Celtic e o Rangers, de Glasgow. Outro escritor británico, Nick Hornby, fala no seu brillante Febre nas gradas da morbosa afección que algúns teñen -temos- por facérense seguidores de clubes escurísimos, coma o Cambridge, no seu caso, ou o peor Arsenal da historia. En fin, que fagan o que vexan. Pero non esquezan que só aguantando o tirón en situacións coma esta é que un pode despois pagarse un dos grandes praceres da vida. Consiste en mirar a eses arribistas que se suben ó carro nos tempos de vacas gordas, para dicirlles ben claro: ¿onde estabas ti cando todo se derrumbaba?